No ano 1752 Sabucedo tiña 50
veciños. Deles, doce eran canteiros, once
carpinteiros, un zapateiro, un arrieiro, Xoán Cabada, un ferreiro,un
escribá, un feirante, unha costureira e algunhas rapazas e rapaces. As outras
once persoas eran labregos. Nese ano xuntáronse na baixa 37 bestas e algúns
poldros, e fíxose a rapa no curro.
Hoxe en Sabucedo na semana viven 40 veciños, os fin de semana, pódese chegar os
80, na semana santa os 100 e no verán os
150; moitas casas rehabilitáronse,
moitas familias volveron e os moitos rapaces empezan a vivir Sabucedo. Na Rapa
xúntanse preto das 20.000 persoas.
Fai case 400 anos, Sabucedo
tiña a rapa; hoxe sigue, con 500 bestas. Antes había a Aldea de Arriba e a de
Abaixo; hoxe xuntáronse. Antes había dúas tabernas, a do Campo e a de Monteagudo, despois a de Marisa
e a de María, agora a taberna é o Teleclub de Fátima.
Os terreos do Teleclub foron un
donativo de Fernandón, O sexagenario; a súa vida non cabe nun libro. Ademais dos
terreos, traballou na sua construción; o pobo tivo que pagar 1492
pesetas a Facenda, que ingresou o alcalde pedáneo Lino Cabada nas oficinas de
Pontevedra.
Antes tiña unha Escola Nacional
Mixta; daquel Mestre Regueiro saíron as primeiras xeracións de mestres, curas, directores de caixas de aforros….; na
segunda xeración mestras, mestres, avogados, catedráticos, empresarios,
traballadores sociais… e na terceira veterinarias, enfermeiras médicas,
avogados, periodistas, psicólogas, master en comunicación e relacións públicas,
licenciadas en políticas goberno e relacións institucionais, músicos…..; a
educación krausista o activismo pedagóxico e aquel humanismo da Institución
Libre de la Enseñanza que chegou a Sabucedo polas Misiones Pedagógicas ou polos
libros do Mestre Regueiro desapareceron coa guerra, pero non de todo en
Sabucedo e foron as raíces dun pobo culto e solidario.
Antes tiña un Cura; os curas
sempre foron parte do pobo; cando a desamortización de Mendizábal, viñeron a
rapa funcionarios de Pontevedra, o alcalde de Cerdedo e a Garda Civil para
incautarse das bestas, o cura que recibiu un chivatazo , mandou ceibar as bestas;
cando chegaron as autoridades díxolles que as bestas estaban no monte e que as
foran buscar. Despois da guerra veu un camión para “pasear” a Sanmartín,
Monteagudos, Arestides, Antonio Miguez…. O cura Don Remigio púxose diante do
camión e dixo que antes de levar os seus fregueses tiñan que lévalo a el. Cando
se oía o camión polas noites, escondíanse no falado da casa de Leonor e
tiñan un fachico de palla preparado para
prenderlle lume e así tocaran as campás para convocar a xente a apagar o
incendio. Aínda que houbo xente nos dous
bandos, en Sabucedo respetáronse, non como en Tomonde ou Quireza.
O cura Don Ernesto, moi do pobo, foi o que entregou a Rapa o pobo.
Nos anos da emigración, os
albaneles, carpinteiros e algún ferreiro tiveron que buscar saída a unha vida
sen vida. Uns pola España, outros por Alemania, Suiza, Francia e uns poucos pola América. O efecto chamada,
baleirou o pobo; os maridos chamaban as súas mulleres, os irmáns os mais
pequenos, despois os primos e o fin os veciños. Si un entraba en FENOSA ou en Dragados,
si traballaba en Salamanca, Madrid, Barcelona ou Zaragoza, pronto chegarían de
Sabucedo; e si estaban no estranxeiro pronto estarían alá veciños de Sabucedo para conversar en galego e empezar
a chapurrear no outro idioma. Pero a Rapa era sagrada estiveran onde estiveran
ainda que perderan días das vacacións ou tiveran que volver o remate da Rapa.
Outros quedáronse e a eles tamén
se lle debe moito; entre eles Sanmartín ”un home que da súa boca nunca saíu
unha mala palabra” home culto, autodidacta, escritor. Daba clase na caseta do
curro, poñía inxeccións, facía as particións, escribía e lía as cartas dos que estaban fora para súas
nais ou avoas, estaba o tanto do que lles pasaba no fronte os que estaban na
guerra, dirixía a construcción do lavadoiro da Portousía, escribía un diario,
escribiu nos periódicos, e escribiu unha
novela. Foi o que creou o respecto pola bestas, poñendo carteis en madeiras nos
días da rapa”Respetad a los animales” Cuidado pasan caballos”; puxo a Rapa no NODO e na
Televisión. Nos últimos anos, vivía a rapa con tal intensidade que tiña que
marcharse e volver despois da rapa, cando todo xa pasara e o pobo estaba na
calma de cualquera día. Un home de linguaxe culta, gran conversador, que vivía
e sentía o pobo por encima da súa persoa, sen ambicións, sen nada nos petos
pero rico nos sentimentos, dun humanismo solidario e moderno; un home adiantado
o seu tempo.
As xentes de Sabucedo levan a
solidariedade e a pertenza o pobo no seu ADN e na súa maneira de sentir; antes
cando algún estaba nunha pelexa alí estaban todos; en Quireza subían o palco da orquestra e dicían que xa se acababa
a festa e ata a Garda Civil
estaba de acordo, por iso un Garda Civil de Cerdedo estaba desexando que empezase a pelexa para cargar con todo
contra os de Sabucedo; as relacións con Quireza que sempre foron duras e non
permitían que os mozos de Quireza se acercaran as mozas de Sabucedo, fóronse
limitando a rivalidade nos partidos de fútbol, casaron dun e outro lado e os
mozos de Quireza son hoxe un puntal das bestas no monte e no curro.
Sabucedo tiña os problemas da
terra, íase as catro da mañá, as veces coa escopeta, a gardar a auga de regar o
Cadaval, unhas veigas tan en pendente
que a auga baixaba coma tola o río sen casi tocar a herba; tamén tiña o mal dos
caciques, e cando na parcelaria che tocaba a veiga que non querías, íase pola
noite a cociña de ferro de Antonio Monteagudo e deixábase algo para o enxeñeiro
ou parábase o seu automobil nos Meixons
e metíase un xamón; eran tempos de caciques que dicían, como debuxaba Castelao
¿e logo o porco estaba coxo?
Hoxe Sabucedo ten vida ademais
da Rapa, inda que é a Rapa a que lle da a vida; e a mellor rapa e mais respectuosa
coas bestas, sin cordas nin varas, loita
nobre; ten o mellor curro, accesibel e para dúas mil persoas; ten a mellor
festa do comezo do verán de toda Galicia; está declarada de interese turístico
internacional, cando en Galicia eran cinco e hoxe xa son oito.
Hoxe Sabucedo ten mais cousas e
a o longo de todo o ano; rehabilitáronse as casas, volveu máis xente, os netos
e bisnetos xa viven Sabucedo; antes dicíase “De quen eres”, hoxe e difícil,
pero chega con saber que eres de Sabucedo.
Polo pobo hai unha exposición permanente
de fotografía, 12 fotógrafos de recoñecido prestixio plasman as súas visións da Rapa en fotografías
de tamaño moi grande nas paredes das
casas. Hai unha ruta polos muiños de aguas cantaneiras, pola casa das vellas, e
se se quer ampliar coa subida o Monte Curuto ata a Trona da Moura e os
petroglifos do Outeiro das penas. Faise con tempo pa o gozo antes de xantar, ou
pola tardiña.
Si dispoñemos do día enteiro, pódese
ir os Montes de Montouto a ver as greas das bestas polas sendas que se
marcan o día da Baixa; son cinco rutas para escoller e pasar o día coa paisaxe
da natureza, co trinado dos paxaros saltaricos, ferreiriños, paporroibos,
paspallás, carrizos, estorniños, pimpíms, xílgaros, avefrías, verderolos, andoriñas
; cos cantos do cuco, das rulas e das pombas;
cos grasnido dos corvos e das pegas; e pode avistar o voo dalgún azor,algunha anguía
ou de parexas de voitres.
Bosques de toxos en flor, un
mundo amárelo; de xestas máxicas e primaverais “‘perfumaditas de brea”; de
fentos ou rabos de cabalo, entre os toxos, a sombra dos pinos ou as beiras dos
regatos, de piorneiras para agocho dos xabaríns e dos lobos.
Colonias de pinos que rumorean
a selva, que protexen a frescura das fontes, que co seu monótono fungar nos
empuxan a loitar polos destinos dos eidos de Breogan.
Podemos topar algúns restos de
mámoas, e os petroglifos do Outeiro de Pan de Trigo na ruta 3 que vai a
Conla e a Pranzadoira; si vamos pola
ruta 5 o Cádavo, o monte mais alto, vémonos encima do mar, da ría de Arousa, da
de Pontevedra, e un pouco da de Vigo.
Cando nos atopemos con unha grea de bestas podemos acercarnos
andando amodiño e pisando sen facer ruído; elas primeiro obsérvanos e despois
coma senón nos fixeran caso; se nos admiten falémoslle amodiño e borboriñando.
Na primavera ou no verán, con
coidado co sol, e co ceo limpo, pode ser
un día intenso e memorable, aínda que se conte e se quede nas cámaras ou nos vídeos,
mellor e o gozo pa dentro.
Si se ven a Rapa gozase dun espectáculo
único, con catrocentos anos de historia; pero hoxe Sabucedo ten atractivos da
natureza, do medio ambiente, de arte
polas rúas, da conversa dun pobo solidario e rico en
tradicións; un pobo loitador e que puxa dende as súas raíces polas súas xentes.
José Manuel Cabada Álvarez.