Os vellos de Sabucedo non contan
os anos, contan mirando A RAPA; dicíame Antonio de Monteagudo, cos ollos cansos,
afundidos baixo a viseira, co can o lado, xa pasados os 90, “Pepe, non sei si
chegarei a rapa”, Antonio deixounos fai uns anos. Pero de Antonio, que fixo de
todo na vida “menos frade”,falaremos longo.
A Rapa 2014 no chegaron nin
Palmira Moreira, Palmira; nin Manuel Álvarez, Manolo do Campo.
Manuel Álvarez Míguez, Manolo do Campo nace en Sabucedo, no ano 1921. Este e, inda hoxe o nome da casa onde vivían
o Sr. José e a Sra. Dorinda, que eran seus pais; tamén a taberna do Campo,
cando había dúas tabernas en Sabucedo.
Dorinda
Miguez y José Alvarez
|
Empezou a Escola no curso 27/28,
e os datos que del escribe o Mestre, din que asistía moito á Escola e que era
un alumno que progresaba bastante porque era moi atento e traballador; estivo
tempo na escola porque as súas irmáns, Honorata, Aída e Olvido foron menos,
porque tiñan que botar e coidar as vacas, e tamén atender a taberna.
En Sabucedo había maioría de canteiros, sen
embargo Manolo marchou con seu pai, que era carpinteiro, para Asturias a
aprender e traballar de carpinteiro.Alá naqueles vales asturianos fixo os
primeiros traballos de carpintería e gañou os primeiros cartiños.
O terminar a mili, coma todos,
polo mundo adiante. Estivo ata en Barcelona, Gerona e Vich, traballando nos
embalses, durmindo en barracóns, traballando oito horas o día e gañando nove
pesetas. Tamén traballou en Madrid no Pantano de San Juan e vivía en Pelayos de
la Presa. Pero FENOSA empezou a facer o pantano nos Peares, cerca de Ourense e
para alí foi Manolo, xunto con outros de
Sabucedo. Terminaron nos Peares e empezouse o embalse de Belesar e para alí
marcharon a maior parte dos compañeiros de Sabucedo.
Alí foi nomeado empregado de
FENOSA e cando terminou o embalse quedou na carpintería, primeiro como
modelista e despois como encargado de carpinteiros. Non había madeira que se lle resistira. As
súas mans manexaban as xubias dunha maneira especial. Os bos carpinteiros eran
moi considerados, porque daquela facían os moldes de madeira, ainda no había
plásticos, con unha precisión milimétrica. Alí terminou a súa vida laboral, deixou
Chantada e veu pa Sabucedo. Gustáballe moito a caza e a pesca, e era corrente
velo con mais dun coello colgado no cinto. Ser cazador, non desmerecía o seu
amor polos animais, no seu pallar sempre houbo coellos e pombas, que voaban pola eira e cando as chamaba viñan a
súa man, acariciabas e dáballe a súa recompensa.
Dende pequeniño sempre
foi ó monte con seu pai, o Sr José, que era o encargado de levar un pelexo de
viño para que se refrescasen os que foron á Baixa das Bestas. Ese viño pagábao
o cura e del podían beber todos os que traballaban na baixa. Papá José, meu avoo,
non baixaba da besta… nin para mexar.
As bestas sempre foron
como da familia do Campo, sempre había polo menos unha na corte, e meu avoó a levaba coas vacas ou cando ia o monte; a
besta saía tódolos días. O tío Manolo
herdou o amor polas bestas. No vídeo que está neste blog, di que lle gustaban
as bestas mais que as mulleres, e que a súa muller, Josefina, gustánballe aída maís.
Josefina, tiña que casar
as tres fillas, Lupe, Mariluz e Leonor. No exame que lles facía os candidatos,
supoño que na mesa de mármol da cociña de ferro,despois dun bó cocido ou un saboroso
guiso de lebre, ou ela lles preguntaba
algo das bestas ou eles estaban espelidos para mostrar o seu interese polas
bestas. Os resultados foron que Pedro, Antonio e Elías aprobaron o exame,
demostraron o seu interese e coidados
polas bestas, tanto, que as netas
e netos, de Manolo do Campo continúan a saga, a raza do Campo.
No curro foi agarrador do
rabo e despois rapador. Era unha persoa que sabía marcar moi ben coa marca de
ferro; moitas marcas estaban no lume da lareira da Casa do Campo e as traían
correndo a Eira do Campo, onde o tío Manolo as collía con maestría e as
aplicaba coa precisión con que fixera os moldes de carpinteiro; moitos
aprenderon a marcar da súa man.
Sempre foi ó monte, nos últimos anos
conducindo o seu tractor, e sempre traía
noticias de se naceran bichos ou se
algún lobo matara un poldro ou unha besta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario