PALMIRA MOREIRA, Naceu en Sabucedo no ano 1914, deixounos
no 2014, cen anos. Traballadora día e noite, coas vacas e na
terra, tamén traballou na carretera , coma os homes, pa xuntar dúas pesetas.
No
tempo da guerra, os homes ou estaban fuxidos ou nas frontes, e foron as
mulleres as que baixaron as bestas do monte e as raparon no curro. Para levar a cabo esta rapa, separaron os
cabalos das bestas; fixeron unhas mangas de madeira (especie de embude por onde
se fan pasar as bestas), ían metendo alí as bestas, e de xeonllos encima do
muro rapáronas todas unha a unha . Grazas a elas tivo continuidade a festa da
Rapa; e por Palmira capitanear aquel grupo de mulleres, así as agasallou a Deputación
de Pontevedra coa Medalla de Ouro.
A súa filla Eladia casou con Pepe, que pasou a ser Pepe de Eladia; un aloitador pequeno pero áxil, fibroso, cheo de enerxía,
técnica e alegría. Dos seus saltos e estilo de agarrador dou cumprida conta o
Diario Pueblo de Madrid no ano 1970, coas fotografías de Carlos Corcho que
sería anos mais tarde, dos millores fotógrafos da España. Este inicio
mediático, foi co nome de Touriño, que anos mais tarde, o seu fillo José
Manuel, continuou co nome de Touriño, xa en plena explosión mediática
internacional, e tamén, o fillo pequeno, Michel, ese rostro grego de sorriso,
que cando agarra e zarandea o rabo, parece que o fai o ritmo do bombo, e coas pernas marca o paso como si estivera
bailando. Pepe de Eladia consumía os poucos días de vacacións que lle daban na
Suiza para vir a Rapa. Volvía a Suiza cheo de mazaduras e algunha costela rota,
pero iso que levaba para a Suiza, dáballe forzas para traballar e para poder
volver o ano seguinte.
Eu de neno ia a casa de Iglesias, meus avos
e tíos paternos, na Aldea de Arriba, e subía polo Cadaval; paraba diante da
casa de Palmira, abría a porta, acercábame a cociña e levantaba a tapa do pote.
Palmira ou Eladia, que andaban polo piso darriba: ¿quén anda aí?; como eu non
lle contestaba, xa sabían que era eu. As veces comía un anaco de chourizo ou
unha febra, pero as mais das veces, sentabame a carón da cociña a escoitar as
cousas da vida que Palmira me contaba; e así ano tras ano.
O ano pasado, Palmira estaba moito tempo na
cama, no seu cuarto de arriba; abrín a porta, e estaban Pepe e Eladia; non
levantei o pote, tampouco quixen tomar nada; e tampouco subín o cuarto.
Nesta Semana Santa, estábamos comendo en
Punta Hidalgo, en Tenerife, vendo as ondas bater e debuxar sucos de escuma
branca; escoitei unha mensaxe, abrín, e era Michel: Palmira foise. Dín un berro,
erguinme, e puxenme de costas ao mar,
mirando as montañas de Sabanda; e vin o Curuto, e o pé, a Palmira na súa eira,
a garganta quería cantar o que Palmira me cantaba, os labios non atacaban o
ritmo; saléume algo dos Sabandeños.
Palmira
sempre me decía “Ay meu filliño………
Pepe do Campo.
En nome da familia de Palmira,queremos darche as grazas por as tuas verbas cheas de cariño e paixón.
ResponderEliminar