domingo, 29 de junio de 2014

A RAPA 2014_Manuel Álvarez



Os vellos de Sabucedo non contan os anos, contan mirando A RAPA; dicíame Antonio de Monteagudo, cos ollos cansos, afundidos baixo a viseira, co can o lado, xa pasados os 90, “Pepe, non sei si chegarei a rapa”, Antonio deixounos fai uns anos. Pero de Antonio, que fixo de todo na vida “menos frade”,falaremos longo.

A Rapa 2014 no chegaron nin Palmira Moreira, Palmira; nin Manuel Álvarez, Manolo do Campo.



Manuel Álvarez Míguez, Manolo do Campo  nace en Sabucedo, no ano 1921.  Este e, inda hoxe o nome da casa onde vivían o Sr. José e a Sra. Dorinda, que eran seus pais; tamén a taberna do Campo, cando había dúas tabernas en Sabucedo.


Dorinda Miguez y José Alvarez

Empezou a Escola no curso 27/28, e os datos que del escribe o Mestre, din que asistía moito á Escola e que era un alumno que progresaba bastante porque era moi atento e traballador; estivo tempo na escola porque as súas irmáns, Honorata, Aída e Olvido foron menos, porque tiñan que botar e coidar as vacas, e tamén atender a taberna.

 En Sabucedo había maioría de canteiros, sen embargo Manolo marchou con seu pai, que era carpinteiro, para Asturias a aprender e traballar de carpinteiro.Alá naqueles vales asturianos fixo os primeiros traballos de carpintería e gañou os primeiros cartiños.
  


O terminar a mili, coma todos, polo mundo adiante. Estivo ata en Barcelona, Gerona e Vich, traballando nos embalses, durmindo en barracóns, traballando oito horas o día e gañando nove pesetas. Tamén traballou en Madrid no Pantano de San Juan e vivía en Pelayos de la Presa. Pero FENOSA empezou a facer o pantano nos Peares, cerca de Ourense e para alí foi Manolo, xunto con outros de



Sabucedo.  Terminaron nos Peares  e empezouse o embalse de Belesar e para alí marcharon a maior parte dos compañeiros de Sabucedo.



Alí foi nomeado empregado de FENOSA e cando terminou o embalse quedou na carpintería, primeiro como modelista e despois como encargado de carpinteiros.  Non había madeira que se lle resistira. As súas mans manexaban as xubias dunha maneira especial. Os bos carpinteiros eran moi considerados, porque daquela facían os moldes de madeira, ainda no había plásticos, con unha precisión milimétrica. Alí terminou a súa vida laboral, deixou Chantada e veu pa Sabucedo. Gustáballe moito a caza e a pesca, e era corrente velo con mais dun coello colgado no cinto. Ser cazador, non desmerecía o seu amor polos animais, no seu pallar sempre houbo coellos e pombas, que  voaban pola eira e cando as chamaba viñan a súa man, acariciabas e dáballe a súa recompensa.


Dende pequeniño sempre foi ó monte con seu pai, o Sr José, que era o encargado de levar un pelexo de viño para que se refrescasen os que foron á Baixa das Bestas. Ese viño pagábao o cura e del podían beber todos os que traballaban na baixa. Papá José, meu avoo, non baixaba da besta… nin para mexar.

As bestas sempre foron como da familia do Campo, sempre había polo menos unha na corte, e meu avoó  a levaba coas vacas ou cando ia o monte; a besta  saía tódolos días. O tío Manolo herdou o amor polas bestas. No vídeo que está neste blog, di que lle gustaban as bestas mais que as mulleres, e que a súa muller, Josefina,  gustánballe aída maís.
  


Josefina, tiña que casar as tres fillas, Lupe, Mariluz e Leonor. No exame que lles facía os candidatos, supoño que na mesa de mármol da cociña de ferro,despois dun bó cocido ou un saboroso guiso de  lebre, ou ela lles preguntaba algo das bestas ou eles estaban espelidos para mostrar o seu interese polas bestas. Os resultados foron que Pedro, Antonio e Elías aprobaron o exame, demostraron o seu interese e coidados  polas bestas, tanto, que  as netas e netos, de Manolo do Campo continúan a saga, a raza do Campo.

No curro foi agarrador do rabo e despois rapador. Era unha persoa que sabía marcar moi ben coa marca de ferro; moitas marcas estaban no lume da lareira da Casa do Campo e as traían correndo a Eira do Campo, onde o tío Manolo as collía con maestría e as aplicaba coa precisión con que fixera os moldes de carpinteiro; moitos aprenderon a marcar da súa man.

 Sempre foi ó monte, nos últimos anos conducindo o seu tractor, e sempre  traía noticias  de se naceran bichos ou se algún lobo matara un poldro ou unha besta.
 

Manolo do Campo, o Paul Newman de Sabucedo, cos ollos verdes de mamá Dorinda, e sempre peinado, tapando os anos, “peinate como meu irmán, tapando a calva, non coma ti, o pelo dalá paqui e o daquí palá,así, ”venme dicindo miña nai, sen resultados.
 
     Manolo do Campo no chegou a  Rapa 2014, non sei por onde andará; pero estará no Chan das Queimas, o día da baixa, co seu tractor; na area do curro dando consellos; na eira do Campo o lado de seu pai, papá José, un, siñalando coa vara, e o outro, apoiado nela, mirando como os netos e bisnetos poñen a marca JA, José Álvarez, José do Campo; MA,Manuel Alvarez, Manolo do Campo.


Po tío Manolo, Pepe do Campo



No hay comentarios:

Publicar un comentario