miércoles, 15 de junio de 2011

A RAPA DAS BESTAS DE SABUCEDO (Dous nun)

Sabucedo : dous nun

Como un pobo que nunca tivo máis de cen habitantes, que hoxe non ten máis de 20 pode manter A rapa dás Bestas durante 330 anos, que sexa de Interese Turístico Nacional dende 1965 e de Interese Turístico Internacional dende 2007?
Porqué nunca deixou de celebrarse A Rapa, mesmo, malia a barbaridade da guerra civil na que os home estaban nas frontes e as mulleres tiveron que ir ao monte, baixar ás bestas e rapalas?

Polas súas xentes, os Álvarez, os Cabada, os Corbal, os Magariños, os Míguez, os Obelleiro, os Sanmartín, os Touriño....
Non é cuestión de números, de cantidade; en realidade nunca se pasou de dous: aldea de arriba, aldea de abaixo; dous autobuses: Cabada e Magariños; dúas tabernas O Campo e Monteagudo; dúas fontes: fonte Cega e o Pilón; dous cimiterios: o adro e o novo; dous curros: o novo e o vello; os muíños de dous en dous: o de Barreiro e o de Regueiro; o de Comercio e o das Paradas; o dos Obelleiros e o de Cabada.....

Dous nun: os que están e os que son; son moitos os que en calquera lugar de mundo exercen a súa paixón pola Rapa e por Sabucedo, dous nun.
Un pobo que se abriu ao mundo e que vive en internet, con máis visitas que o camiño de Santiago; un pobo que estendeu as súas raíces e que defende a súa identidade.
Un pobo que comeu as súas miserias na guerra civil, que sufriu os abusos do poder centralista, da concentración parceira....que saíu ao mundo da emigración para subsistir... un pobo aloitador.

Un pobo que cando remata a Rapa con máis de 15.000 visitantes, canso, berra: "Este ano é o último" cando en realidade é o último....ata o ano que vén.
San Lourenzo, ás bestas e un pobo aloitador: non son tres nin son dous: son un.

PEPE DO CAMPO

No hay comentarios:

Publicar un comentario