miércoles, 15 de junio de 2011

A RAPA DAS BESTAS DE SABUCEDO (Os lobos)

OS LOBOS

No ano 1888 nun apunte no libro de Culto e Fábrica do Arquivo Parroquial de Sabucedo destínanse 15 pesetas para a compra de estricnina para matar lobos. Logo da Guerra Civil diminuíu significativamente o número de lobos en Montouto, pero desde os anos 50 produciuse un incremento moi importante de mandas de lobos. En 1960, segundo datos anotados no Libro de Contas e Fábrica apúntanse 220 cabezas de baixa polos ataques dos lobos. Ese ano só quedan no monte 63 bestas e o párroco e os veciños deciden traelas a un peche próximo ao pobo. Durante dous meses estableceuse unha quenda de garda veciñal para o seu defensa con dous homes armados. O escritor Francisco Sanmartín, veciño de Sabucedo titulaba en A Noite do día 12 de de novembro de 1960 “ O irmán lobo” baixo unha fotografía dos restos recoñocibles dun poldro pequeno devorado polos lobos. Os lobos achegábanse ao pobo, ante a escaseza de alimentos nos montes, e oíanse e sentíamos os ouvidos dos lobos polas noites cando cheiraban as ovellas, as bestas e as vacas que estaban nas cortes; ata rascaban nas portas

Anos máis tarde, cando Félix Rodríguez de la Fuente popularizaba a amizade do lobo, os veciños de Sabucedo debatíanse entre o que lles contaba aquela TV en branco e negro, e a realidade dos ataques diarios dos lobos. No ano 1971 contabilizáronse 60 poldros devorados polos lobos. Os lobos volvéronse máis atrevidos pola necesidade “perderan a vergoña” dicía un veciño, que vira o ataque de dous lobos a unha besta, e a berros e coa vara intentou escorrentalos, pero os lobos non se inmutaron ata que o veciño achegouse á distancia da vara.

Os lobos pasean e percorren o monte en mandas, observan as bestas e van seleccionando as de presa máis fácil: poldros de días ou meses, bestas maiores ou con algún problema para o trote, bestas en estado avanzado de xestación, no momento do parto, bestas que se despistan e están apartadas da grea. Cando xa seleccionaron ouvean e convocan a máis lobos, esperan o momento e a orografía máis conveniente e atacan en grupo. Unhas veces conseguen o seu obxectivo, outras veces non, e moitas veces deixan as súas pegadas na besta ou o poldro que consegue fuxir. Cando os lobos atacan, as bestas colócanse en círculo, cuarto traseiro con cuarto traseiro e os poldros no centro. O garañón, brioso e con fortes relinchos cabalga ao redor e defende a grea. Viuse como o garañón cunha forte e instantánea coza lanzaba a un lobo por encima dun muro.
Os lobos tiñan as súas razóns e necesidades: o gando lanar e cabrío desaparecera, a repoboación forestal obrigoulles a deixar as súas zonas de cría, os incendios acurraláronos e priváronnos da caza.

Cando os lobos causaban numerosas baixas nas mandas, estímase que trinta ao ano é o normal, as autoridades competentes de Pontevedra autorizaban a colocación sistemática de cebos envelenados. Nos últimos anos, autorizábanse batidas de caza.

Hoxe o lobo non é o peor enemigo das bestas

PEPE DO CAMPO


No hay comentarios:

Publicar un comentario