martes, 14 de junio de 2011

A RAPA DAS BESTAS DE SABUCEDO (San Lourenzo de Sabucedo)

San Lourenzo de Sabucedo

Fálase moito da Rapa das Bestas, pero non de Sabucedo. É certo que A Rapa e Sabucedo son o mesmo, porque non podería existir a unha sen o outro e o outro sen a unha ¿como pode manterse unha pequena aldea que no ano 1752 tiña 54 habitantes e hoxe non pasa dos 20 residentes fixos? ¿Como se pode celebrar a Rapa cada ano, despois de 329 anos? Para algúns: por San Lourenzo, dende sempre e sempre

Os condes Don Ramón e Dona Urraca, no ano 1105 doaron o lugar de Sabucedo ao Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro (Silleda). O Rei Alfonso VI ao confirmar os bens do Mosteiro de Santa María de Aciveiro ( Forcarei) inclúe as eguas e cabalos de San Lourenzo de Sabucedo.
Ás bestas de San Lourenzo, do Santo, son as que manteñen A Rapa, aínda que tamén hai bestas particulares dos veciños de Sabucedo. Nunca houbo un accidente grave en todos estes 329 anos, San Lourenzo está pendente.
A historia da Rapa está documentada nos Libros de Culto e Fábrica do Arquivo parroquial e moi ligada aos párrocos (hoxe compartidos con outras parroquias).
O párroco de Sabucedo, foi un valedor da Rapa e das bestas, desobedecendo o Bispo de Santiago que lle reclamaba os décimos por cada besta en 1778; no 1885 enfrontouse a Facenda que pretendía subastar a eguada na desamortización de Mendizábal na segunda lei Madoz.. En 1864 o párroco estaba auxiliado polo Mordomo Fabriqueiro coa axuda de dous veciños, que daban conta ao párroco do número de bestas, das vendas, das mortes e do diñeiro.
Isto non funcionou, porque Sabucedo sempre foi un pobo aloitador e loitaba por máis participación. En 1931 un grupo de veciños propón ao Bispado a constitución dun Padroado para levar mellor a xestión dos asuntos das bestas porque o párroco destinaba tódolos ingresos das bestas (vendas e crinas) ao culto e obras da igrexa.

O Bispado aprobou a Xunta-Padroado, na que estaba incluído o párroco, de xeito provisional. Tras reiteradas peticións da Xunta ao Bispado reclamando o seu carácter de definitiva, e ante o silencio do Bispado, a Xunta dimitiu.
Rematada a guerra civil e aínda que o clero xa recibía axudas oficiais, o Bispo de Santiago determina" cos ingresos que se obteñan da eguada e despois de satisfeitos os gastos indispensables, se atenderá o sostemento do culto e se realizarán obras para decoro e embelecemento da igrexa parroquial, previos os trámites establecidos polas leis canónicas e cívicas particulares”. Tampouco isto se cumpriu.

O penúltimo párroco, "don Ernesto" López Souto en 1971 propón: "ante a venda de seis cabezas da eguada que éstas sexan poxadas a baixo prezo entre os veciños moi entusiasmados da eguada que non tiñan ningunha egua no monte. Este feito repetiuse en anos sucesivos, xa sen poxa.
Este poida ser o sinal dun tempo novo, mantense a advocación a San Lourenzo pero ás bestas do santo son ás bestas do pobo. San Lourenzo nunha man sostén a grella e coa outra protexe a rapa.

San Lourenzo vixía ao pobo, que foi, que é, e que seguirá sendo, un pobo aloitador, no que os que están e os que son, seguen participando dunhas raíces e sentimentos aloitadores, tan arraigados que se senten obrigados a trasmitirelos ás súas novas xeracións, con San Lourenzo de vixía.

PEPE DO CAMPO

No hay comentarios:

Publicar un comentario