jueves, 16 de junio de 2011

A RAPA DAS BESTAS DE SABUCEDO (Os perigos das bestas)

Os perigos das bestas de Sabucedo

O lobo, hoxe, non é nin o maior inimigo das bestas nin tampouco o máis cruel. O maior inimigo é o home. Algúns homes actúan como “cuatreros” e non porque visen películas de vaqueiros e gústelles a aventura no monte, senón porque rouban para vender ou para levalos ao matadoiro e cobrar.

Hai constancia dende 1821 do roubo de bestas do Santo. Outros “cuatreros”, de menor monta, teñen eguas no monte e marcan como seus os poldros das eguas do Santo. Os máis decididos e modernizados e con menos escrúpulos chegan co camión pola noite e éncheno usando os métodos máis expeditivos, mesmo rifles de repetición.

Se roubar está mal, moito peor é matar.
No ano 1894 matan unha besta en Cequeril por entrar nun terreo cultivado.

O 1 de xaneiro de 1996 apareceu morto por disparos O Negro, o rei dos cabalos de Sabucedo.; un garañón de 20 anos, negro como o acibeche, veloz como Pegaso, o cabalo branco voador de Zeus; con poderío e rebeldía como Bucéfalo, o cabalo negro acibeche e unha estrela branca de Alejandro Magno e coa agresividade de Strategos o impresionante cabalo de grande alzada e cor negra acibeche de Aníbal.

Foi tal a conmoción e a repercusión desta brutalidade sanguenta que Manuel Rivas no xornal o País do 26 de xaneiro recolleu fielmente coa súa creativa pluma a indignación de todo Sabucedo. Confesáballe Samuel, experto cazador " como cazador, pódolle asegurar que o que dispara así de preto a un cabalo como O Negro, é capaz de calquera cousa"

En maio de 2009 aparecen nos montes de Campo Lameiro 7 cabalos mortos por feridas de coitelo. SEPRONA está a abrir unha investigación pero veciños de Sabucedo contan que os cabalos foron introducidos nun peche e alí, sen apenas poder moverse, foron acoitelados. Feridos, foron liberados e dirixíronse ao monte, desangrándose mentres camiñaban, ata que caeron mortos.

Algúns veciños das aldeas próximas vangloriábanse "estes xa non entran máis".

No lugar de Cimadevila, os veciños ameazaron os representantes da Asociación dá Rapa de Sabucedo con males maiores para o futuro, cando trataban de indagar o acontecido cos cabalos.

A Asociación dá Rapa de Sabucedo ten establecido un seguro para sufragar os gastos derivados das incursións dás bestas en propiedades particulares, pero algúns propietarios "xusticeiros" prefiren resolver a situación pola vía rápida, a morte súbita, ou pola máis cruel, a morte lenta.

A denuncia da Xunta de Sabucedo nos xulgados, pola morte dos sete cabalos, alega: por maltrato animal, por danos contra a fauna salvaxe e por atentado a bens de carácter cultural.

Hai quen é mais animal que os cabalos, dunha fauna mais salvaxe e con unha incultura galopante e asesina.


P
EPE DO CAMPO


No hay comentarios:

Publicar un comentario