miércoles, 15 de junio de 2011

A RAPA DAS BESTAS DE SABUCEDO (O Cavado)

O CAVADO

O Cavado e o monte máis afastado, o máis alto; alí están as bestas con máis velocidade e as máis difíciles de xuntar e de baixar É o que elixen os máis asiduos, os máis ousados e os máis esixentes.

Ao chegar ás Lamas, aparece maxestoso, inmenso, desafiante, invencibel de fronte. O grupo atácao pola esquerda por unha costa constante e sinuosa, chea de pedras insorteables que as vas mirando por seguridade, pero tamén con medo a levantar a mirada e atoparche co que che falta aínda por subir.

Vencidos, cansados e rendidos deixamos a vara de moca, que tanta axuda nos dou, na herba; uns lánzanse con avidez á Fonte do Cabalo, un manatial, limpo e cristalino, de auga espesa e transparente, gozosa e cantariña que nace entre tres rocas; outros déixanse caer na herba para recuperar forzas antes de beber.

Alá arriba, co vento do oeste que ven das rías (que preña as bestas, dicían os romanos hai dous mil anos) e con aquelas augas eternas da Fonte do Cabalo repítese o rito de nomeamento de fillo adoptivo de Sabucedo para aqueles que han emparentado con mulleres ou con homes de Sabucedo, os seus descendentes ou a familia próxima, e que co bautismo da auga vivificadora da Fonte do Cabalo xa se converten en fillos de Sabucedo. Estan unxidos, son de Sabucedo, pola rapa.

Ao pé do Cavado, nos montes de Campo Lameiro, en Painceiros no Chan dá Carballeira uns petroglifos certifican que xa había cabalos salvaxes fai miles de anos, na prehistoria. Así o testemuñan as insculturas en Chan dá Carballeira na que se poden apreciar dous cervos e unha escena de caza ou de doma de cabalos; o gravador fundiu as dúas patas nunha sen esquecer a longa e espesa cola.

Cavado milenario, enchido polo vento do oeste, que nos das vida coa Fonte do Cabalo, que nos mostras os camiños do mar, que nos achegas aos limpos ceos, protexe as túas bestas e invítanos a subir un vez máis para rexuvenecer a nosa mirada e para compartir os teus aires de liberdade ¡ fainos cada ano máis libres ¡

PEPE DO CAMPO


No hay comentarios:

Publicar un comentario