sábado, 18 de junio de 2011

Os aloitadores

OS ALOITADORES DE SABUCEDO
No curro, os aloitadores están colocados en liña, de costas á parede, mirando coa mirada fixa aos cabalos, tensos, esperando a chamada, freando o impulso, á espera de que rompa a paixón.
¿Qué teñen os aloitadores na súa mirada?¿ Qué están sentindo? ¿Qué lles impulsa a aloitar?

VALOR. Dicía Camilo José Cela en Mazurca para dous mortos “ o seu valor só era comparable aos aloitadores de Sabucedo”. O valor, supónselle.
FORZA. É necesaria a forza de tres aloitadores, e en equipo, para dominar ao cabalo. Un, ten dominio da técnica de salto, da presión dos xeonllos sobre os lombos, da suxeción das crines cunha man, á vez que coa outra dirixe ao cabalo.. O segundo aloitador, ten que elixir o momento e a posición para saltar polo lado que o primeiro aloitador ofrécelle, agarrar con precisión e forza a cabeza e pescozo e decidir en complicidade e complementariedade co compañeiro, cando baixar do cabalo, colgándose e aferrándose á cabeza e pescozo ata fixar os pés no chan ou ata caer co cabalo sobre a area e colocarse para inmobilizalo. O terceiro, non menos importante senón imprescindible, suxeita o rabo con forza e zarandea do cabalo de esquerda a dereita e de dereita a esquerda para dispersar a forza do cabalo cos cambios de movemento.
TÉCNICA COMPARTIDA .A forza non é suficiente, a técnica é fundamental pero tampouco suficiente; a técnica é a cohesión do equipo, se un falla, falla todo. A técnica é a conxunción do salto, a presión, a dirección, os cambios de rumbo, a oportunidade para baixarse do cabalo e premer a cerviz, a caída ao chan, e como colocarse para inmobilizar o cabalo e evitar as coces. Cada un dos tres pon a súa técnica para que entre os tres logren o seu obxectivo. Un verdadeiro equipo.
RESPETO. O aloitador mide as súas forzas, técnicas e estratexias coas que emprega o cabalo. É un enfrontamento nobre, sen trampas e malas artes.

AGARIMO. O aloitador non só lle ten respeto ao cabalo, tenlle agarimo.
Cando logo dos forcéxeos, están rapando o cabalo, aloitadores e cabalo están jadeantes, casí respirando e resollando ao unísono. Cando xa soltan o cabalo, os aloitadores, sorrín e felicítanse, miran ao cabalo que, de esguello, afástase sen rancor. Ao longo da historia, os mellores aloitadores foron e son os que mostran máis agarimo cos cabalos.
IDENTIDADE. O aloitador ten que ser de Sabucedo ou sentirse de Sabucedo. Só se é así, pódese ser aloitador.
PEPE DO CAMPO

No hay comentarios:

Publicar un comentario